Preocupación na Illa pola fenda do Cantiño á espera de que Portos actúe

A ILLA> Preocupación na Illa de Arousa pola aparición dunha fenda no Paseo do Cantiño. A zona xa foi precintada por Portos de Galicia, ante un posible desplome. O Concello demándalle ao organismo autonómico que actúe canto antes. Dende Portos xa enviaron a técnicos para avalia-lo estado da infraestrutura e avanzan traballos de reparación.

Portos de Galicia decidiu precinta-la zona do paseo do Cantiño, na Illa, onde apareceu a fenda. Unha medida que busca evitar males maiores, á espera da súa reparación. O Concello hai anos que ven advertindo do deterioro deste espazo de titularidade autonómica, onde hai décadas que a Xunta non actúa.

Os técnicos xa visitaron a zona e Portos avanza que tomarán medidas en canto se teñan listos os informes. O alcalde cre que a zona podería estar danada en varios puntos, polo que pide que non se repare unicamente o punto no que se detectou a fenda.

O concello tamén enviou unha carta á Xunta solicitando unha xuntanza para aborda-la situación do paseo. O rexedor aproveitará ese encontro para pedir celeridade na toma de decisións, para evitar posibles novos riscos nunha zona moi transitada por veciños e visitantes.

Esta zona do Cantiño foi feita hai agora preto de 40 anos. Dende aquela a súa estrutura non se tocou, máis alá de pequenas intervencións de mantemento superficial e ornamentación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí