Ribadumia e Cambados saen á rúa para conmemorar o Día Internacional dos Dereitos Humanos

CAMBADOS/RIBADUMIA> Neste 10 de decembro conmemórase o Día Internacional dos Dereitos Humanos. Unha xornada que en concellos como Ribadumia ou Cambados dedicaron a defender principios fundamentais como a vida, a liberdade, a igualdade e a non discriminación. En ambos casos, organizaron actos nos que a rapazada foi a protagonista.

Rachando cadeas a rapazada de Ribadumia visibilizou o seu compromiso coa defensa dos dereitos humanos. Foi o 10 de decembro de 1948, cando a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamaba a declaración universal dun “ideal común” para todos os pobos e nacións cos dereitos e liberdades fundamentais para todos os seres humanos. Principios fundamentais como a vida, a liberdade, a igualdade e a non discriminación que cómpre seguir defendendo. No mesmo acto, ás portas do concello e baixo a pancarta pendurada no balcón da casa consistorial deuse lectura a un manifesto.

En Cambados, deuse lectura de forma íntegra á declaración universal dos dereitos humanos. Foi o propio alcalde o que arrancou co preámbulo, dándolle paso un a un a todos os artigos.

E así, un tras outro, léronse os 30 artigos que compoñen esta declaración que, 77 anos despois, séguese incumprindo en moitas partes do mundo. De nós depende non retroceder nos dereitos conquistados.