Ribadumia despidiu esta tarde ao ancián localizado onte morto nunha casa abandonada

RIBADUMIA> Ribadumia despediu hoxe ó ancián que foi localizado morto nunha casa en ruinas. O corpo de Manuel Barragáns foi localizado onte pola Garda Civil. A vítima, que sufría principio de Alzheimer, desapareceu o sábado. Dende entón efectivos de emerxencias e ducias de voluntarios participaron na busca do home, que culminou onte coa aparición do corpo.

Esta foi unha fin de semana moi dura en Ribadumia. Efectivos de distintos corpos e preto dun cento de voluntarios traballaron a reo para dar con Manuel Barragáns. O home, de 85 anos, desapareceu o sábado ao mediodía. O seu corpo foi localizado onte á mañá por un helicóptero da Garda Civil. Estaba no interior dunha vivenda en ruínas nesta zona da Gándara, en Barrantes.

Os primeiros indicios apuntan a que o home, que sufría principio de Alzheimer, faleceu por causas naturais aceleradas polas altas temperaturas que se rexistraron na zona durante a fin de semana.

O rexedor relataba hoxe que a fin de semana foi de moita angustia. O alcalde salienta a rápida resposta dos corpos que participaron no dispositivo, coa intervención de unidades de cans de rastrexo, drons da Axencia Galega de Emerxencias e efectivos a cabalo. David Castro di sentirse especialmente orgulloso da masiva resposta dos voluntarios que colaboraron na busca. Na mañanciña despois do San Xoán, moitos deles se incorporaron a primeira para botar unha man e tentar localizar ó seu veciño.

O ancián foi soterrado esta tarde na localidade ribadumiense.