CAMBADOS> Xornada do orgullo LGTBI, con diversos actos reivindicativos en moitos dos concellos da nosa contorna. En Sanxenxo leuse un texto reivindicativo, mentres que en Cambados, a alcaldesa da localidade leu un manifesto da Federación Española de Municipios e Provincias en favor da diversidade sexual. Fátima Abal aproveitou para facer un chamamento á naturalización do colectivo LGTBI.
Cambados celebrou así de orgulloso esta xornada do 28 de xuño. Unha data marcada no calendario como un día de reivindicacións en defensa do respecto e da naturalización do colectivo LGTBI.
A alcaldesa da localidade foi a encargada de poñer voz a un manifesto, elaborado pola Federación Española de Municipios e Provincias. A igualdade de trato e de oportunidades, di o texto, é un principio fundamental e unha tarefa prioritaria para as administracións locais. Continúa o manifesto reivindicando ás entidades locais como a porta de entrada das necesidades da cidadanía e dos dereitos de todas as persoas, tamén as lesbianas, gays, transexuais e bisexuais. Para garantir a igualdade de trato, di o manifesto, ínstase a todas as entidades locais a que se unan á causa, sumando esforzos a prol dun futuro en igualdade.
Ademais da lectura do manifesto, o concello cambadés aproveitou hoxe para presenta-lo film Nove de novembro, a primeira película de temática gay rodada en Galicia e en galego e protagonizada polo cambadés Ademar Silvoso. Vaise proxectar na localidade o vindeiro 7 de xullo.
Hoxe tamén se anunciou que o II Simposio Internacional LGTBI de Cambados terá lugar no vindeiro mes de outubro.