VILAGARCIA> Comeza en Vilagarcía a exhumación dunha fosa común no marco do plan cuadrienal de Memoria Democrática de Galicia. Os diferentes estudos sinalan que lugar poderían estar o restos de ata 18 persoas. Os expertos que traballan na exhumación e as familias das vítimas sinalan esta actuación como unha maneira de xustiza e dignificación das vítimas.
A fosa común do cemiterio de Vilagarcía é o lugar escollido pola Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia para comezar o plan cuadrienal de Memoria democrática de Galicia. Mediante un equipo formado por numerosos expertos de diferentes campos, o proxecto comezou a exhumación da fosa de Rubiáns.
Polos datos recollidos nos diferentes estudos, os expertos creen que na fosa poden atoparse os restos de 16 persoas, chegando incluso ata as 18 segundo información obtida polos veciños.
No caso de atopar algún resto, os expertos investigarán o motivo do falecemento e tentarán coñecer a súa identidade. A identificación só poderá facerse coa colaboración das familias dos falecidos.
Para os traballadores da exhumación e as familias esta intervención supón un acto de xustiza e de dignificación para as vítimas.
Os expertos tamén sinalan a dificultade de atopar restos a pesar de que todos os estudos sinalen que os corpos se atopan nesa zona. Os traballos en Vilagarcía continuarán durante dúas semanas.