Veciños e visitantes tomaron Fefiñáns nos seus primeiros días como peonil

CAMBADOS> Cambados acolle con éxito a primeira fin de semana da praza de Fefiñáns como espazo peonil. Dende o concello aseguran que a medida foi todo un éxito, fomentando o paso de visitantes pola zona e potenciando a hostalería do entorno. A medida prolongarase os meses de xullo e agosto, pero a peonalización permanente aínda non está sobre a mesa.

Cambados acolleu con satisfacción os primeiros días sen coches da Praza de Fefiñáns deste 2018. Dende o venres, o entorno é eminentemente peonil, algo que se deixou notar na afluenza de xente.

Os operarios municipais instalaron testos e valos informativos para indicar aos condutores a nova prohibición de circular polo entorno. Tamén a Policía Local está a intensificar a súa presenza.

A medida prolongarase durante os meses de xullo e agosto e para José Ramón Abal o bo balance desta primeira fin de semana axudará a vencer as reticencias iniciais de hostaleiros e comerciantes.

A pesares deste éxito, a intención do goberno local é restaurar o tráfico o mes de setembro. Cando menos, polo de momento a peonalización permanente de Fefiñáns e o seu entorno non está sobre a mesa.