A demanda por inxurias de Oubiña senta na bancada a Avendaño

VILAGARCÍA> Laureano Oubiña e Carmen Avendaño víronse esta mañá as caras no xulgado de Vilagarcía. Foi no xuízo pola denuncia que o exnarcotraficante presentou contra a presidenta de Érguete por considerar que vulnerou o seu dereito á honra, tras insinuar nun medio de comunicación que traficara con máis drogas que haxís. A Fiscalía, pola súa banda, solicitou que se desestime esta demanda.

Arroupada por vítores de familias que a acompañaran na súa loita contra o narcotráfico, Carmen Avendaño abandonou o xulgado de Vilagarcía tras comparecer no xuízo pola denuncia que presentou contra ela o exnarcotraficante Laureano Oubiña.

Oubiña considera que a presidenta de Érguete atentou contra o seu dereito á honra nunhas declaracións realizadas hai case un ano nun programa radiofónico. Nelas, Avendaño tería insinuado que o capo traficara con máis drogas que haxís; substancia que Oubiña non considera dañina.

Durante o xuízo, Avendaño e a súa avogada insistiron en que nestas declaracións referíase ao contrabando de tabaco, actividade na que presuntamente tamén estivera implicado Laureano Oubiña. Pola súa banda, o exnarcotraficante reclamou o seu dereito a defenderse.

Ben diferente foi o recibimento que as decenas de mulleres que levan décadas apoiando a Carmen Avedaño na súa loita contra o narcotráfico deron ao capo á súa saída do xulgado.

Dende a Fiscalía solicitaron a desestimación da demanda. Segundo a representante do Ministerio Público, a liberdade de expresión debe primar nun país libre sobre o dereito á honra dunha personaxe pública e condenada polos seus actos. O xuízo quedou visto para sentenza.