MEIS> Xa están en marcha as obras do mercado de Meis. A idea é reconverte-la praza de abastos nun espazo polivalente, que permita organizar alí iniciativas paralelas á actividade comercial.
Meis quere sacarlle máis partido ao seu mercado. Con ese obxectivo, veñen de comeza-las obras de reforma da praza. A idea é conseguir dinamiza-la súa actividade e sacarlle proveito para outras iniciativas. Porque, recoñece a alcaldesa, ata o de agora o espazo estaba infrautilizado.
A reforma, orzamentada nuns 90.000 euros, busca darlle máis visibilidade á actividade da praza. Ademais, retirouse xa o enreixado que separaba a zona do mercado do resto da praza, coa idea de unir todo o espazo nun único.
As obras no mercado van coincidir no tempo coa reforma desta vía. Unha actuación que tamén está a piques de comezar.
Di a rexedora que para completa-la recuperación de todo o campo da Feira do Mosteiro queda aínda pendente outra actuación nesta parte. Unha rúa que tamén queren humanizar o ano que vén, neste caso, con fondos do Plan Ágora que xa solicitaron á Deputación.