Meis dálle prioridade á formación para loitar contra a violencia machista

MEIS> Meis impulsa diversas actividades para visibiliza-la súa loita contra a violencia machista. O Concello este ano muda o formato con respecto a anos anteriores. Desta volta a protagonista vai se-la formación, con cursos de ioga, taichí ou defensa persoal. Tamén formación nas aulas dos centros educativos do municipio, con aprendizaxe adaptada ó alumnado de infantil, primaria e secundaria.

Meis dálle unha volta á sua programación contra a violencia machista. Ao longo deste mes de novembro, o Concello vai poñe-lo foco na formación. Nos centros educativos da localidade hai programadas varias actividades, adaptadas a infantil, primaria e secundaria. Un completo paquete de iniciativas para concienciar dende a escola da necesidade de vivir en igualdade.

A formación será tamén o eixo central das actividades programadas para o día 24. Desta volta, o concello muda a tradición andaina por cursos de ioga, taichí e defensa persoal no Campo da Feira do Mosteiro. Tamén haberá outra actividade de body combat no multiusos.

As persoas que se apunten a estas actividades contarán cun servizo de conciliación para a rapazada.

O 25, Día Contra a Violencia de Xénero, terá lugar a lectura do manifesto, este ano na entrada do Multiusos.

Por certo que no marco destas actividades crearase un peto para a asociación Esmar. O colectivo, ademais, vai recibir por primeira vez unha dotación presupostaria do concello de Meis. A partida sairá adiante en canto se aproben os orzamentos municipais, previsiblemente a finais deste mes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí