Unha nena de Ribadumia salva ‘in extremis’ a unitaria de Lois

RIBADUMIA> A escola unitaria de Lois, en Ribadumia, sálvase in extremis. A matriculación dunha nena permitirá manter aberta esta aula do Centro Rural Agrupado de Ribadumia. Con ela, serán seis os alumnos da escola, o mínimo esixido pola Xunta para non pechar un centro.

Unha chamada de teléfono á súa directora traía as mellores novas para a escola unitaria de Lois, en Ribadumia. A aula poderá seguir aberta o vindeiro curso. A matrícula dunha nova nena permitiralles acadar o mínimo de 6 alumnos que esixe a Xunta para manter a actividade lectiva.

O peche do período de matriculación facía saltar todas as alarmas. Só cinco nenos se inscribiran na aula de Lois, que pertence ao Centro Rural Agrupado de Ribadumia. Profesorado, familias e o concello iniciaron unha campaña para buscar ese alumno que lles permitira manter as portas abertas.

No CRA de Ribadumia hoxe era día de celebración. Resistir un curso máis é unha importante vitoria para o modelo de ensino destes centros. Máis aínda no escenario que deixará a COVID-19 nas aulas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí