O Refuxio de Cambados pide unha xuntanza co cuadripartito para abordar a súa crítica situación

CAMBADOS> A protectora de animais de Cambados atópase ó borde do colapso. Os problemas amoréanse no refuxio e os responsables do centro din que non poden máis. Demandan ó goberno local unha xuntanza esta mesma semana para que busquen canto antes unha persoa que se encargue da recollida de animais na rúa. Ata o momento esa tarefa está sendo asumida unicamente polos voluntarios da canceira.

A protectora de animais de Cambados está ó borde do precipicio. O refuxio leva aberto dende o ano 1999 pero os problemas estanse a amorear. Os responsables das instalacións din que non poden máis e reclaman a implicación do goberno local.

O servizo de recollida de animais é o asuntos máis complicado agora mesmo no centro. A Policía Local derívalles as chamadas dos alertantes e son os propios voluntarios da protectora os que se encargan da recollida, na medida das súas posibilidades. O que piden é que o Concello nomee unha persoa cualificada que se encargue de recolle-las mascotas abandonadas. Esta é unha das demandas que lle trasladaron ó goberno local en reiteradas ocasións: de forma oral, por escrito e ata cun requirimento. Agora instan ó cuadripartito a celebrar unha reunión o antes posible, se pode ser esta mesma semana e con representantes das catro formacións, para retomar un diálogo prometido e que caeu en saco roto dende o comezo da lexislatura.

Desbordada pola situación, Olga presentou a súa dimisión a semana pasada, un extremo que foi rexeitado polos voluntarios do centro. Emocionada, hoxe quixo agradece-lo apoio dos seus compañeiros e tamén dos veciños de Cambados. Dende o refuxio sospeitan que o Concello xa mantivo contactos coa CAAN para que fose a canceira provincial a que asumise o traballo da protectora. Algo que para Olga e os seus voluntarios, implicaría o desmantelamento das instalacións cambadesas.