Rianxo e Vilanova colaboran nun proxecto de estudo e reciclaxe de algas

RIANXO> As confrarías de Rianxo e Vilanova colaboran nun proxecto para o aproveitamento das algas que se acumulan nas praias. O primeiro paso será analizar a súa composición para determinar os posibles aproveitamentos do recurso. O estudo estará dirixido pola Facultade de Bioloxía da Universidade da Coruña. Ante a acumulación de algas nos seus areais, os patróns maiores de Rianxo e Vilanova decidiron impulsar un proxecto conxunto que facilite tanto a retirada como a reutilización destes recursos. Nunha primeira fase analizarase a composición das algas co fin de determinar o momento idóneo para a súa recollida así como os posibles usos e destinos do produto. Ademais de dar solución ós problemas que ocasiona a acumulación de argazo nos bancos marisqueiros, este proxecto busca tamén diversificar o sector a través da explotación dun recurso tan abundante e con tantas posibilidades. Durante os próximos días iniciaranse as primeiras mostraxes na praia da Torre en Rianxo e na de Castelete en Vilanova.