Galicia confirma e cataloga a riqueza do seu litoral

VILANOVA> Galicia confirma a riqueza do seu litoral. 85 investigadores de diferentes centros da comunidade elaboraron o “Inventario da biodiversidade mariña de Galicia”, un catálogo que recolle as especies que se atopan nas nosas augas. Segundo o traballo destes científicos, máis da metade das recoñecidas en España habitan en Galicia.

A riqueza das augas galegas xa está fóra de calquera dúbida. A Xunta de Galicia vén de editar “Inventario da biodiversidade mariña de Galicia”, que recolle todas as especies que se atopan no litoral galego.

O catálogo foi posible grazas ao traballo de 85 investigadores de diferentes centros tanto galegos como nacionais e internacionais. A obra ofrece unha fotografía da biodiversidade que acolle Galicia, algo que facilita, tamén, a súa protección.

A publicación recolle todas as especies coñecidas dende a desembocadura do río Miño ata a do Eo, e dende a zona intermareal ata a abisal. Tamén a montaña submariña do banco de Galicia.