Cambados aposta polo ‘coupage’ musical para o venres do Albariño

CAMBADOS> Un coupage da Orquestra de Jazz de Galicia, con Uxía, Martirio e Pedro Guerra, será un dos grandes concertos da Festa do Albariño de Cambados. A cita celebrarase o venres 3 de agosto, e será a que estree a nova regularización da praza de Fefiñáns: a vídeo vixilancia e o aforo limitado en 5.000 persoas.

Cambados volve apostar pola fórmula do “coupage” que tan ben funcionou o ano pasado para un dos días grandes da Festa do Albariño. O venres 3 de agosto ao escenario da Praza de Fefiñáns subirá a Orquestra de Jazz de Galicia, que irá mesturándose con Uxía, Martirio e Pedro Guerra.

O espectáculo comezará a partires das 10 e media da noite, e estará presentado por Xurxo Souto. A cantante Uxía asumirá o papel de anfitrioa neste concerto Coupage Albariño 100%, presentando un repertorio pouco habitual con dous artistas que revolucionaron os seus xéneros.

A música da Orquestra de Jazz de Galicia actuará de telón de fondo. Sobre o escenario axudarán a defender a riqueza da música galega, e a súa capacidade de mestura coa internacional.

Este será o primeiro concerto no que se poña en marcha o novo sistema de seguridade na Praza de Fefiñáns, co control de aforo dun máximo de 5.000 persoas, a videovixiancia e a prohibición de entrar con envases de vidro.