MEIS> A Deputación de Pontevedra investirá 2,2 millóns de euros para a xestión do CAAN, situado en Meis, e o servizo de recollida de animais no período 2026-2027. A partida foi aprobada este venres en xunta de goberno provincial.
O presidente da Deputación destacou a importancia deste servizo de recollida e coidado de animais nas instalacións da Armenteira. Luis López lembrou que a través do CAAN estase a prestar servizo a 52 concellos da provincia.
No centro da Armenteira realízanse 20.000 intervencións e aténdese unha media de entre 250 e 300 animais. López manifestou sentirse “orgulloso do servizo que se está a realizar no recinto” e remarcou a aposta por mudar o modelo de xestión, “pasando da recollida e mantemento a un modelo sostible de recollida de animais e entrega en adopción, que está a provocar taxas que mesmo duplican valores anteriores”.
Neste eido informou que durante os anos 2024 e 2025 chegáronse a atender case 4.000 solicitudes de servizo, entre as que se inclúen as de cans abandonados, que non son reclamados polos seus donos, e cans perdidos ou extraviados, que si son reclamados e recollidos polos seus propietarios.











