A Festa do Albariño, o mellor escaparate para as adegas

CAMBADOS> Para as adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas, xa hai tempo que a Festa do Albariño é unha cita obrigada. Non en van, 42 desprazan os seus viños ata os 40 stands que se distribúen ao longo do Paseo da Calzada.

Polo de momento, todas coinciden no balance da Festa do Albariño ata o de agora. Chaman a atención ademais que, a pesares das altas temperaturas, as vendas son se cabe maiores que as que se rexistraron o ano pasado.

Tamén coinciden ao apuntar a xornada de mañá como a de maior afluenza de público. Un traballo duro que, porén, ten a súa recompensa.

Son moitos os que chegan ao Paseo atraído pola ampla oferta que saben van atopar. Nesta pequena área de Cambados concéntranse elaboracións clásicas e outras máis arriscadas de adegas das cinco subzonas de Rías Baixas. Unha oportunidade de probar diferentes viños nun ambiente de festa.

E é que nos seus 66 anos de historia, a Festa do Albariño de Cambados tense consolidado como unha das festas gastronómicas máis importantes de Galicia, e a máis relevante dentro do calendario de celebracións vitícolas.