Unha rede de voluntarias e 25 locais cambadeses velarán pola seguridade das mulleres no Albariño

CAMBADOS> A Festa do Albariño de Cambados contará, de novo, cun punto morado contra a violencia sexual. Ofrece información e apoio a aquelas mulleres. Este é o segundo no que estará en marcha este servizo, co que colaboran agora varios locais hostaleiros da vila.

Máis de 30 voluntarias faranse cargo durante esta edición da Festa do Albariño deste punto morado. Esta caravana ofrece información e apoio a aquelas mulleres que poidan ser vítimas dalgún tipo de agresión.

O número de voluntarias aínda podería incrementarse, porque o prazo continúa aberto. Durante estes días, as xa inscritas están a recibir formación axeitada para atender do mellor xeito a quen o precise.

A súa acción non se limita ó punto morado, xa que ó longo e ancho da Festa haberá voluntarias de apoio. Este ano tamén se suman á acción 25 locais hostaleiros, tipificados como “punto de seguridade” da festa.

Esta é a segunda edición do Albariño que conta cun punto morado. Durante a celebración do ano pasado, por sorte, non houbo que lamentar ningún incidente relevante. A maioría das mozas que se achegaron ata aquí fixérono na procura de información.

Máis alá do punto morado, o Concello está a ultima-lo seu plan de seguridade para o Albariño. Co plan xa rematado, queda celebra-la xunta local de seguridade con tódalas forzas e corpos de seguridade do estado e a subdelegación do goberno na provincia de Pontevedra. Esa xuntanza terá lugar este vindeiro venres.