Ribadumia quere facer a súa Festa do Pan de Interese Turístico de Galicia

RIBADUMIA> Ribadumia quere que a súa Festa do Pan sexa de Interese Turístico de Galicia. O concello xa está a recompilar toda a documentación precisa, que será trasladada en breve á Xunta de Galicia. Mentres, este ano a cita celebra a súa décimo sétima edición o vindeiro 11 de agosto.

Ribadumia quere que a súa Festa do Pan chegue á maioría de idade sendo de Interese Turístico de Galicia. O concello presentará a solicitude ante a Xunta de Galicia para que o vindeiro ano a cita teña esta consideración.

Mentres, a organización ultima os preparativos para a décimo sétima edición, que se celebrará o vindeiro 11 de agosto. Un dos escenarios será os Muíños do Batán que, como cada ano, acollerán a recreación da moenda ás 9 da noite.

As demais actividades desenvolveranse na Carballeira a partires das 5 da tarde. Ademais do obradoiro infantil de elaboración do pan e o concurso de postres caseiros e empanadas de millo, tamén será o escenario da cea de confraternidade a partires das 10 da noite.

Este ano, os asistentes tamén poderán gozar da exposición Co Pan e Viño ándase o Camiño. Inaugurarase no Auditorio ás 8 da tarde, en colaboración cos Amigos do Camiño Portugués.