Deputación e Concello de Sanxenxo destinarán 1,2 millóns de euros á estrada entre Noalla e Aios

SANXENXO> Sanxenxo e a Deputación de Pontevedra asinan o convenio de colaboración para a mellora da seguridade viaria na estrada entre Noalla e Aios. O presidente do organismo provincial e o alcalde asinaron esta mañá ese documento no Pazo de Quintáns.

O proxecto suporá un investimento total de 1,2 millóns de euros, dos que a Deputación achegará o 80%. A actuación afecta a un treito de algo menos dun quilómetro, polo que se vai construír unha senda peonil na marxe dereita. Terá un ancho de dous metros e medio e inclúe tamén unha redistribución dos espazos existentes na plataforma para dar máis seguridade a peóns e condutores.

O proxecto contempla tamén a renovación das paradas de autobús e outras actuacións como novos pasos de peóns elevados, renovación da rede de drenaxe, alumeado público e colocación de mobiliario urbano.