SANXENXO> Sanxenxo reforzará a súa seguridade e a coordinación entre corpos durante os meses de verán. Esta mañá celebrouse no concello a xunta local de seguridade, ás portas do desembarco na vila de milleiros e milleiros de turistas. Garda Civil e Policía Local traballarán de forma coordinada para atender as necesidades durante todo o verán, en especial nas xornadas onde haxa eventos festivos ou deportivos multitudinarios. No encontro destacouse tamén a redución nos últimos meses do número de infraccións neste municipio.
Sanxenxo prepárase para un novo e intenso verán no que desembarcarán no municipio milleiros de persoas. A vila pasa de apenas 18.000 habitantes a superar os 100.000, o que supón tamén todo un desafío dende o punto de vista da seguridade. Esta mañá tivo lugar a xunta local de seguridade, presidida polo alcalde e o subdelegado do goberno en Pontevedra. Un encontro produtivo no se amosou unha boa sintonía entre os corpos para facerlle fronte á campaña.
O subdelegado do goberno entende a seguridade nunha vila como Sanxenxo, como un elemento fundamental para o sector turístico e, polo tanto, a economía local. Abel Losada destaca tamén a boa disposición dos corpos. No caso da Garda Civil, co reforzo preciso.
Ademais, ese reforzo será especial en momentos puntuais, coincidindo coa celebración de eventos de tipo festivo ou deportivo de carácter multitudinario. Entre eles a concentración de motos de setembro ou o festival Costa Feira.
Policía Local e Garda Civil coordinaranse para conseguir dar resposta a tódalas necesidades.
Por outra banda, na xunta local de seguridade desta mañá destacouse tamén a redución de infraccións neste municipio, que neste último cuadrimestre amosan unha redución do 7,5%.











