Cambados conciencia sobre a importancia dun sector vitícola sostible

CAMBADOS> A aposta por un sector vitivinícola sustentable. Este é o eixo central da xornada que o vindeiro 25 de agosto se celebrará en Cambados. A cita contará cun amplo plantel de expertos, que abordarán temas de actualidade para trazar os retos que deben afrontar o sector e o enoturismo para ser responsables con medio ambiente.

O vindeiro 25 de agosto Cambados acolle unha Xornada pola Sustentabilidade. Será unha cita intensiva, que contará con oito relatorios doutros tantos poñentes de prestixio, que intentarán trazar os retos que neste eido ten por diante o sector vitivinícola e do enoturismo.

Clima, pragas e fitosanitarios, augas residuais, enoturismo sustentable ou calidade do aire en Galicia son algúns dos temas centrais que abordarán os expertos nas súas intervencións. Unhas exposicións coas que, a parte de debuxar a situación actual, buscarán concienciar á cidadanía.

A xornada desenvolverase na Fundación Manolo Paz e será completamente gratuíta. Contará coa colaboración do concello de Cambados, que ve nesta cita unha herdeira dos cursos de verán que acollía o Museo do Viño e a xornada que se celebrou o ano pasado sobre Medio Ambiente co gallo da Cidade Europea do Viño.

Como novidade, este ano a cita ofrece obradoiros de educación ambiental e carácter lúdico para os máis pequenos. Os interesados en participar deberán inscribirse na Oficina de Turismo de Cambados ata o 23 de agosto.