O Túnel do Viño recórdanos que estamos no Albariño 2020

CAMBADOS> O Albariño 2020 xa está en marcha. Este ano a cita é nunha versión ben reducida. Tanto que unicamente se manteñen na programación a cata- concurso do Albariño Rías Baixas e o túnel do viño. Este último arrincou esta mañá no Salón José Peña. Na súa décima edición, os asistentes poderán catar un total de 178 marcas pertencentes a 63 adegas da DO. Todo marcado polas medidas anticovid para garantir a seguridade sanitaria.

A imaxe que nos deixa o Paseo da Calzada estes días pouco ten que ver co que nos atopabamos na Festa do Albariño de Cambados doutros anos. Esta edición a palabra “festa” cae do nome da cita, e a programación redúcese ás actividades sectoriais. Por iso hoxe gran parte da atención estaba centrada no Túnel do Viño, no Salón José Peña.

178 marcas de 63 adegas diferentes son as que se poden catar nesta actividade. Unha cita que se quixo manter a pesares das dificultades derivadas da COVID-19.

Por iso este túnel será lixeiramente diferente aos de anos anteriores. O aforo está limitado a 65 persoas por sesión, con catro diarias e desinfección entre elas. Na entrada do recinto, hai persoal encargado de tomar a temperatura e rexistrar os datos dos asistentes. Ademais, tamén se tomaron medidas específicas no propio salón de catas.

Para un maior control sobre o número de visitantes, as persoas interesadas deberán realizar un pre-rexistro na web do Consello Regulador (www.doriasbaixas.com) facilitando os datos de contacto. Unha vez acudan al recinto, poderán aboar a entrada, de 15 euros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí