BOIRO> A CIG denuncia situacións de acoso laboral e o incumprimento do convenio colectivo nos supermercados de Froiz na provincia da Coruña. Esta mañá desenvolveron unha concentración en Boiro para esixir que se respecten os dereitos dos traballadores nun sector, xa de por si, precarizado.
Delegados sindicais da CIG concentrábanse esta mañá ás portas do Hiper Froiz en Boiro para denunciar a situación que están a padecer os traballadores, non so deste centro senón de tódolos establecementos da provincia da Coruña. Á elevada carga do traballo que está a repercutir na saúde dos empregados súmanse situacións de acoso e ameaza por parte dos seus superiores.
Denuncian dende a CIG o incumprimento do convenio colectivo así como a asignación de tarefas que non son propias dos postos de traballo como a limpeza dos baños que deben asumir os traballadores.
Tras unha primeira concentración en Santiago e esta en Boiro dende a CIG teñen previsto seguir manifestándose en distintos centros de toda A Coruña en solidariedade cos máis de mil traballadores con que conta a cadea na provincia.











