Satisfacción no Barbanza ante o transporte directo cos hospitais de Santiago que comeza a operar o luns

RIBEIRA> O próximo luns comezará a funcionar a liña de transporte directa entre o Barbanza e os hospitais de Santiago. Haberá tres frecuencias de ida e tres de volta, con horarios adaptados ás quendas dos traballadores que se desprazan a diario ós centros hospitalarios do Clínico e Conxo.

Tras dous anos demandándoo, a Consellería de Mobilidade habilitará finalmente un servizo público de transporte directo entre o Barbanza e os hospitais de Santiago. Realizará tres viaxes de ida e tres de volta con parada nos catro concellos da bisbarra e en horarios adaptados ás quendas dos traballadores.

Os traballadores dispoñen duns bonos con desconto do 50 por cento polo que o viaxe de ida e volta roldaría os tres euros. Ademais do aforro económico, destacan a comodidade de non ter que buscar aparcamento nin conducir cando saen de quendas longas ou de noite.

Malia que pretende dar servizo principalmente ós traballadores do Clínico e do Hospital de Conxo, a nova liña pode ser utilizada por calquera usuario que o precise.  Dende o concello de Ribeira amosaron a súa satisfacción ante a implementación desta liña que abre a porta a seguir mellorando as conexións do Barbanza con Compostela con autobuses directos.