A Xunta e o sector naútico asinan unha alianza para promocionar a costa galega

POIO> A Xunta e o sector náutico selan unha importante alianza para conseguir que a comunidade galega sexa considerada como un destino de referencia internacional. Así o expuxeron as partes nunha presentación aos medios en Combarro.
A directora de Turismo de Galicia, o presidente de Portos de Galicia, o director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Consellería do Medio Rural e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, presentaron hoxe dous novos proxectos que aspiran posicionar Galicia como un destino náutico referente a nivel internacional.
Trátase de dous proxectos europeos, nos que a administración autonómica , e o sector náutico alíanse cun convenio de colaboración ata 2020 asinado pola directora de Turismo e o director de Agader co presidente da Asociación Galega de Actividades Náuticas, Manuel Soliño, no porto deportivo de Combarro. Un reforzo do compromiso da Xunta, para seguir avanzando no obxectivo de impulsar Galicia como destino náutico, mariñeiro e deportivo.
O produto estrela do proxecto son os Minicruceiros Costeiros polas Rías de Galicia, que esta mañá tiveron unha saída desde Combarro instantes antes da sinatura deste convenio. A experiencia comezou do 23 de abril ao 26 de outubro con máis de 4.000 persoas embarcadas nas case 100 saídas previstas nalgunha das tres propostas: os minicruceiros, o programa Descubrindo as nosas rías ou o programa de familiarización para colectivos e axencias de viaxes.
Ecodestin traballará para mellorar esta experiencia ao incluír entre as súas accións a preparación dos portos para que sexan viables como puntos de saída e escala de minicruceiros. Por outra banda, o segundo dos proxectos, Capiten –no que ademais se inclúen 18 socios de Francia, Reino Unido, Irlanda, España e Portugal–, impúlsase a creación do Clúster Náutico. Capiten tamén traballa para converter os portos galegos en puntos de información turística, atraer a Galicia novos turistas nacionais e internacionais e facer extensiva a experiencia dos Minicruceiros Costeiros polas Rías ao norte de Galicia.