Dez persoas detidas e 650 quilos de cocaína comisados nunha operación antidroga en Pontevedra, Ribadumia e Madrid

RIBADUMIA/PONTEVEDRA> Dúas persoas detidas en Ribadumia nunha operación antidroga. Hai, ademais, cinco detidos na cidade de Pontevedra e outros tres en Madrid. As forzas da orde conseguiron, ademais, incautar 650 quilos de cocaína. O dispositivo arrancou está mañá e segue aberto, polo que non se descartan novas detencións.

Dúas persoas detidas en Ribadumia, outras cinco en Pontevedra e tres en Madrid. Este é o balance que, polo de agora, deixa  esta nova operación antidroga na que as forzas da orde se fixeron con 650 quilos de cocaína.

O dispositivo poñíase en marcha esta mañá, xusto ó mesmo tempo no que  o delegado do goberno en Galicia visitaba o concello de Vilagarcía. Sen avanzar detalles, Javier Losada xa deixaba entrever unha posible intervención policial.

Minutos despois, nesa mesma comparecencia, o delegado confirmaba ese operativo, aínda que volvía xustifica-lo seu silencio.

Na imaxe está a ver a un dos prendidos en Ribadumia. A primeira hora desta tarde, volvía a esta vivenda, situada en Pontearnelas, onde acompañou ás forzas da orde durante os rexistros practicados.

Houbo tamén rexistros nestoutra vivenda: un chalé situado na Avenida de Bos Aires, en Pontevedra. A propiedade, alugada ós agora prendidos, estaría sendo empregada como almacén para a droga. De feito, seica boa parte da cocaína incautada estaba no seu interior

O operativo, que aínda continúa en marcha, está sendo coordinado polo GRECO, o grupo de Resposta Especial para o Crime Organizado da Policía Nacional, baixo a supervisión da Audiencia Nacional.

Agárdase que nas vindeiras horas os sete detidos en Ribadumia e Pontevedra sexan trasladados a Madrid. Alí, terán que comparecer perante o xuíz que instrúe a causa.