Nacionalistas e socialistas configurarán un goberno de coalición en Rianxo

RIANXO>  O BNG e o Partido Socialista chegan a acordo, o que permitirá reeditar o pacto de hai oito anos.

Aínda que era algo agardado, xa que tanto o BNG coma o Partido Socialista mostraron a súa vontade de chegar a entendemento, esta mañá confirmábase. Os candidatos destas dúas formacións anunciaron o acordo, refrendado polas asembleas de ambos partidos, que permitirá reeditar o pacto de hai oito anos, na procura de acadar unha maioría ampla que permita traballar con certa estabilidade para sacar adiante aqueles asuntos de maior interese para o municipio.

Como estaba previsto o BNG obstentará a alcaldía do Concello e tamén unha segunda tenencia de alcaldía, mentres que ó Partido Socialista corresponderalle a primeira. A posta en marcha de dedicacións tanto exclusivas coma parciais aínda non está pechado, pendente das disponibilidades orzamentarias, como tampouco están ás responsabilidades das áreas de goberno, que se repartirán de xeito proporcional á representación obtida nas urnas.