Un roteiro literario abrirá de xeito excepcional o Cemiterio dos Ingleses en Vilagarcía

VILAGARCÍA> Os 50 participantes no roteiro literario que se celebrará en Vilagarcía poderán entrar de xeito extraordinario no Cemiterio do Ingleses. Unha situación que será posible despois de que o consulado inglés autorizase a súa apertura o vindeiro sábado, no que participará Marcos Calveiro, autor do texto  “O xardineiro dos ingleses”. Este sábado a partir das 11:30 da mañá dará comezo o roteiro literario de Vilagarcía. As 50 prazas dispoñibles xa están completas dende hai semanas. Marcos Calveiro, autor da obra “O xardineiro dos ingleses”, será o encargado de guiar esta actividade, que terá o seu punto de partida no “Cemiterio dos Ingleses”.Tanto para a presentación desta mañá como para o roteiro do sábado, o consulado inglés autorizou a apertura polo que será unha ocasión única para poder coñecer este espazo e a súa historia ligada á literatura máis recente. Este roteiro forma parte dun conxunto de sete paseos literarios pola provincia organizados polo departamento de Cultura e Lingua da Deputación en colaboración coa Asociación de escritoras e escritores en lingua galega. O roteiro comezará ás 11:30 horas no cemiterio dos ingleses e percorrerá diferentes enclaves do centro urbano que aparecen referenciados no libro e que serven de escenario para as vidas de Delia Cores e o seu fillo Edelmiro como son edificio no que estivera o Salón Varietés, o Café e o Hotel Moderno, o Salón García, a Alameda e a Peixería, o Pazo e a praia de Vistalegre ou as mansións de Camboa.