MEIS> A aínda presidenta da Mancomunidade do Salnés lamenta que sexa o PP o que acabe rompendo o consenso no organismo comarcal. Ante a iniminente moción de censura, Marta Giráldez lamenta a “comparsa”, dixo, que están montando os populares. Di sentir pena ao ver ao alcalde de Ribadumia “manexado” polo de Vilanova e pídelle ao presidente da Deputación e mesmo da Xunta que aclaren que vai recibir Aspérez, de Meaño Independiente, a cambio do seu apoio no pleno da moción.
O cruzamento de acusacións entre o PSOE e o PP polo futuro da Mancomunidade do Salnés non se detén. Hoxe foi a aínda presidenta comarcal a que criticou as formas nas que os populares están a xestiona-la súa moción de censura. Cualificou as súas últimas intervencións públicas de “comparsa” e acusounos de ser eles os que rompen o consenso dos últimos anos na mancomunidade. Tivo, ademais, comentario sobre o papel que está a xogar en todo isto o alcalde de Ribadumia e candidato á presidencia.
Marta Giráldez cre que de saír adiante a moción, a Mancomunidade sufrirá un gran retroceso, especialmente nas formas, dixo. Sobre a insólita unión do alcalde de Vilanova co de Meaño, a socialista entende que a súa mala relación vai continuar. Cre que o que ten que reflexionar sobre o que lle espera agora é ao rexedor meañés.
E, precisamente, sobre o papel de Jose Manuel Aspérez, de Meaño Independiente, Marta Giráldez insiste en que detrás dese apoio hai algo máis. Di que ela temén lle ofreceu levar turismo no seu día e que todo o mundo sabe que ademais de xestionar esas competencias, recibirá algo máis do PP.
E pide que o aclaren xa porque, engade, ao final todo se acaba sabendo.
Os socialistas, por certo, confían en que prospere o recurso que presentaron contra a moción de censura. Pero se finalmente esas medidas cautelares non se chegan a aplicar, a sesión celebraríase tal como se anunciou o vindeiro 23 de xaneiro ás 12 da mañá.











