RIBEIRA> Confrarías e Xunta traballan na elaboración dun Plan de Rexeneración das Rías que permitan poñer fin á drástica caída da produtividade nos bancos marisqueiros. Nunha recente xuntanza cos presidentes das Federacións, o Conselleiro do Mar trasladou o importante esforzo inversor do seu departamento que destinará un 150 por cento máis de orzamento a este fin.
A Consellería do Mar puxo en marcha o Plan de Sostibilidade e Competitividade do Marisqueo, dotado con 123 millóns de euros distribuídos en dúas anualidades. En paralelo, está a deseñar xunto co sector outras medidas encamiñadas a mellorar a produtividade dos bancos e a compensar as perdas pola alta mortaldade do marisco que obrigaron ó paro forzoso de gran parte do sector.
Entenden dende as confrarías que deben contemplarse medidas a medio e longo prazo posto que non se trata dunha situación puntual senón que a mortaldade da cría condiciona tamén as campañas futuras.
Así as cousas, seguirán a traballar da man da administración para recuperar a actividade marisqueira da que depende boa parte do tecido económico de Galicia.