A ocupación media en Sanxenxo superou o 91% neste mes de agosto

SANXENXO> Sanxenxo pecha agosto cunha ocupación media que superou o 91%. A cifra é tan só unhas décimas inferior á do ano pasado. Dende o sector falan dun agosto espectacular, aínda que con certa desaceleración no consumo. Agora, contan con que a primeira quincena de setembro manteña o ritmo.

Hoxe e 31 de agosto e para moitos iso é sinónimo de que rematan as vacacións. No sector do turismo en Sanxenxo botan xa a vista atrás e analizan o que deu de si este agosto, o mes por excelencia do turismo na localidade.

Segundo un estudo elaborado polo Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, a ocupación media acadou o 91,3%. O dato é tan só catro décimas inferior ó colleitado en agosto do 2017. Estes bos datos rexístranse en Sanxenxo malia o proceso de estancamento e caída da demanda turística en toda España.

Dende o Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo entenden que o destino turístico que representa a localidade segue a gozar dunha gran fortaleza. Iso demóstrano tamén, segundo din, as boas previsións que se agardan para o mes de setembro.