Fabricio Fernández, culpable de apropiarse de cartos da Confraría do Grove

O GROVE> O excontable da confraría do Grove, culpable de apropiarse de cartos do pósito. O fallo do xurado popular entende que  entende probado por unanimidade que Fabricio Fernández actuou afectado por unha ludopatía que supuxo unha “grave limitación nas súas capacidades”. O xurado tamén entende que o Banesto obrou de maneira neglixente permitindo a retirada de fondos sen a sinatura mancomunada.

Por unanimidade, o xurado popular declara a Fabricio Fernández culpable dun delito de malversación de fondos

O excontable da Confraría de San Martiño do Grove estaba acusado de apropiarse de  máis de medio millon de euros do pósito entre os anos 2009 e 2010.

Confesou estes feitos nos xulgados de Cambados, recoñecendo terse apropiado de 190.000 euros, a través de retiradas en efectivo e transferencias bancarias en La Caixa e Banesto.

O fallo do xurado entende probado por unanimidade que o acusado actuou afecto por unha ludopatía que supuxo unha grave limitación das súas capacidades.

Esta cuestión foi, un dos grandes eixos argumentais da súa defensa. O propio Fabricio aseguraba na súa declaración na Audiencia de Pontevedra que a súa vida chegou a xirar entorno a esta enfermidade.

O xurado, tamén por unanimidade, entende que o Banesto obrou de maneira neglixente permitindo a retirada de fondos sen a firma mancomunada.

Con todo, o xurado considera, tamén por unanimidade, que Fabricio non é culpable dun delito de falsidade documental, tal como aseguraba a acusación particular. No veredicto sinálase tamén que a actuación do excontable “non supuxo un prexuízo de especial gravidade para os intereses da confraría” nin para o seu normal funcionamento.

O fiscal pide agora un ano e seis meses de prisión e unha inhabilitación absoluta por tres anos. Como responsabilidade civil o fiscal pide o importe da cantidade que se derive dos feitos que foron declarados como probados, estimada nuns 220.000 euros.

A acusación particular reclama 3 anos de cadea, seis de inhabilitación e a devolución dos cartos.

A defensa do excontable, pola súa banda, propón rebaixa-la condena a un ano de prisión.