O PP inicia o curso político en Cerdedo-Cotobade lembrando a Rajoy

Pontevedra> O PP iniciou esta fin de semana o curso político en Cerdedo-Cotobade. No acto, presidido por Pablo Casado, botouse en falta ó seu antecesor, Mariano Rajoy. Tamén foi protagonista Núñez Feijóo, que será o encargado de liderar e coordinar a convención nacional extraordinaria que o Partido Popular celebrará en decembro.

O PP celebrou un ano máis o seu acto de arrinque do curso político en Galicia, mantendo así a tradición instaurada por Rajoy de facelo na única comunidade autónoma na que os populares manteñen a maioría absoluta. O acto na carballeira de San Xusto, ó que asistiron uns 1.500 militantes, supuxo un baño de masas para o novo líder popular. Foi protagonista o presidente galego, Núñez Feijóo e, aínda que non asistiu á xuntanza, tamén estivo moi presente Mariano Rajoy.

O presidente galego amosou as forzas e gañas coas que se afrontan as próximas eleccións municipais.

Pola súa banda, Casado insistiu en que o PP nacional debe imitar a receita do PPdeG, aplicando a fórmula de Feijoó de “traballo, traballo e máis traballo”. O líder popular criticou as actuacións do Goberno de Sánchez no que se refire á crise migratoria ou o conflito en Cataluña. Tamén advertiu que se o AVE a Galicia non está en marcha o vindeiro ano será por culpa do PSOE.

Casado aproveitou para anunciar una convención nacional extraordinaria o 1 e 2 de decembro, que será o punto de partida para a elaboración dos programas electorais de cara ás municipais, e para actualizar, que non reformar, a Constitución. O encargado da súa coordinación será Núñez Feijoó.