Dezaseis mozos rianxeiros recibirán formación en silvicultura e repoboación forestal

RIANXO> Durante seis meses, un grupo de mozos rianxeiros de entre 18 e 30 anos, recibirán formación teórico práctica en silvicultura e xestión forestal. A Xunta de Galicia vén de conceder a realización deste obradoiro de emprego, dirixido a mozos inscritos no sistema de garantía xuvenil. A proposta do concello non é casual xa que ten constatado a existencia dun nicho de negocio ante a demanda por parte de empresas de xardinería de profesionais formados.O obradoiro dará comezo ó longo deste mes de setembro, unha vez se proceda á selección dos dezaseis participantes e os cinco profesionais que integran o cadro de persoal técnico e formativo.  Non será o único taller de emprego con que conte Rianxo este ano; á espera da confirmación oficial son moitas as posibilidades de que lle sexa concedido outro obradoiro na especialidade de pavimentación. A oferta será de dezaseis contratos durante nove meses.