A ANPA de Frións solicita a incorporación dun monitor para garantir o servizo de comedor

RIBEIRA> Nove familias do CEIP de Frións non disporán de servizo de comedor debido á falla dun monitor. Dende a ANPA solicitan á Consellería de Educación que proceda á cobertura dunha cuarta praza para poder dividir o servizo en dúas quendas. A ANPA do CEIP de Frións leva preto dun ano reclamando a incorporación dun cuarto monitor para dar servizo a tódolos alumnos que precisan facer uso do comedor. A piques de comezar o curso, xa hai nove familias en lista de agarda. Na actualidade, o colexio dispón dun espazo moi reducido para acoller o comedor, a pesar de que o concello acometeu recentemente unha ampliación. A crecente demanda obrigaría a prestar o servizo en dúas quendas, o que fai aínda máis necesaria a incorporación dun cuarto coidador. Tras dirixirse en varias ocasións á xefatura territorial, agardan obter unha resposta positiva nos próximos días. Consideran que se trata dunha solución sinxela e con escaso custo para administración. Lembran que non están a pedir nada que non lles corresponda segundo as ratios contempladas na lei de Educación; máis tendo en conta que hai dous alumnos con necesidades especiais que precisan de atención individualizada.