Portos continúa coa súa aposta firme pola mellora das instalacións portuarias en Barbanza

BARBANZA> Portos de Galicia contempla un total de oito actuacións de mellora e conservación de espazos portuarios nas comarcas do Barbanza, Muros e Noia de cara o vindeiro ano 2024. Así se recolle nos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano. Suman un total de 500 mil euros.

Unha contía significativamente inferior ó custe final das actuacións, pois representa máis de seis millóns de euros, pero prevén realizarse en varias anualidades.

Unha das partidas máis importantes é a destinada á mellora da operatividade do peirao de Aguiño, cun orzamento final duns tres millóns de euros, aínda que nos orzamentos de 2024 tan só figura un gasto de dez mil euros que se dedicarán á realización do proxecto de tramitación ambiental.

O mesmo acontece coa obra de ampliación do dique de atraque e a dotación dunha zona de abrigo no peirao de Portosín cun desembolso de 1,7 millóns de euros, pero para o que no próximo exercicio tan só se reserva unha partida de 25 mil.

Para Porto do Son serán tamén outras dúas das actuacións previstas. Por unha banda a construción da nova nave de redeiras, cun orzamento de 694 mil euros, e por outro para dotar de  departamentos ós usuarios deste peirao, no que se investirán preto de un millón de euros.

Recóllese tamén unha partida de 165 mil euros para a dragaxe do porto de Testal, en Noia, onde se sitúa o dique flotante, dando resposta a unha demanda de antigo da propia Confraria.

Recóllense tamén dúas actuacións en Muros, unha para a reconstrución dun tramo de peirao na dársena interior do porto da localidade e outra para a rampla en Esteiro, ambas por importe de máis de 300 mil euros.

Tamén aparecen consignados uns 25 mil euros para a urbanización do porto de Palmeira, valorada en 1,7 millóns de euros.

Aínda así, sen unha consignación específica, os orzamentos de Portos para o vindeiro ano 2024 tamén recollen diversas partidas xerais para a conservación e modernización de servizos e instalacións  na practica totalidade dos peiraos da zona co fin de mellorar as condicións de traballo e de seguridade dos seus usuarios.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí