O GROVE> Saben vostedes en que se parece O Grove á Antartida? A verdade é que non teñen moitas cousas en común, pero de toda España as augas mecas son as que máis se asemellan ás do continente xeado. O Exército está a preparar unha nova expedición á Antartida para o mes de novembro. Para esa nova misión, os 13 militares adéstranse estes días en San Vicente do Mar. Entre eles atopamos a unha moza de Ribeira.
Antes de viaxar á Antártida seica hai que pasar polo Grove. De toda España, as augas da península meca son as que máis se asemellan ás do continente xeado… e non, non é pola súa temperatura, senón polo mar de fondo. A próxima expedición do Exército español partirá no vindeiro mes de novembro. Estes días, o grupo de 13 soldados estase a adestrar na contorna do porto de Pedras Negras, en San Vicente do Mar. A súa misión centrarase en que os científicos que aló traballan poidan desenvolve-las súas investigacións do mellor xeito posible.
O seu destino é Decepción, unha illa cun volcán en activo onde está a base Gabriel de Castilla. A campaña terase que enfrontar a temperaturas de ata 25 graos baixo cero e refachos de vento de ata 120 quilómetros por hora. Para supera-lo reto, os militares precisan non só de adestramento, senón que tamén de capacidade de adaptación ó medio. Segundo nos conta un soldado que xa estivo alí, calquera erro, por pequeno que sexa, pode supoñer un gran atranco para todo o equipo.
Por iso, todos os que participan son quen de dar resposta a calquera necesidade que xurda. Ela por exemplo é a cociñeira do grupo, aínda que ante calquera imprevisto estaría capacitada para actuar. Chámase Inés, é a única muller do equipo e é de Ribeira.
Este é o cuarto ano consecutivo que o Exército de Terra aproveita as semellanzas entre O Grove e a Antártida para os seus adestramentos. A súa misión botará a andar no xélido continente no mes de novembro. Durante tres meses vivirán en condicións extremas a 13.000 quilómetros das súas casas.