VILAGARCÍA> Zona Aberta de Vilagarcía fai un balance moi positivo da campaña de verán. Dende o colectivo de comerciantes e hostaleiros explican que a tempada foi moi boa en canto a vendas. Aseguran que detectaron nos últimos meses un repunte de clientela que se achega aos seus establecementos, atraída pola oferta ampla e todos os servizos que ofrece a cidade. Agora, na entidade traballan xa coa vista posta na campaña de Nada.
O verán de 2025 foi bo para o comercio e a hostalería de Vilagarcía. Este é o balance que fai Zona Aberta, unha vez pechou a súa campaña estival. Dende o colectivo salientan o repunte de visitantes á cidade, que tamén se deixou notar nos establecementos de proximidade.
Con estes datos, dende Zona Aberta entenden que Vilagarcía segue a recuperar o seu esplendor, como referencia comercial da comarca.
E logo do verán, na asociación traballan xa en actividades dinamizadoras para o outono, aproveitando o tempo dos magostos, e optando de novo por non promover ningunha campaña para o Black Friday. Ademais, teñen xa a vista posta na campaña do Nadal, unha das máis importantes para os seus establecementos.
Mantendo as iniciativas dos últimos anos que mais gustan á súa clientela.
Tamén, avanzan, farán un especial esforzo para mellorar a ambientación do Nadal, sempre un atractivo para animar as vendas.











