Rías Baixas inicia a conta atrás para a vendima no Salnés

SALNÉS> A vendima aínda non é xeneralizada pero a Denominación de Orixe xa traballa a pleno rendemento. Os traballos de recollida comezaron esta semana nas subzonas do sur de Galicia: o Condado e O Rosal.

O groso da campaña arrincará a vindeira semana, e prolongarase previsiblemente ata finais de mes. Segundo explican dende o Consello Regulador, a maior profesionalización do sector permite facer a recollida máis escalonada, e escoller así o momento óptimo da uva.

Aínda é cedo para as primeiras impresións, pero dende o Consello manteñen a estimación que facían pública hai un tempo. Agardan recoller un 10% menos de uva que o ano pasado. Así as cousas, contan que terá unha boa calidade.

Unhas condicións que satisfacen ao sector. Máis aínda tendo en conta as dificultades coas que arrincou esta campaña.

En plena voráxine e mentres adegas e viticultores preparan instalacións e maquinaria para a recollida, o Consello Regulador traballa para garantir que se cumpren todos os requisitos que esixe este marchamo de calidade.