A Festa do Marisco do Grove contará este ano cun punto morado contra o machismo

O GROVE> A Festa do Marisco do Grove contará este ano cun punto morado contra os abusos sexuais e a violencia machista. Ademais, o Concello volverá instalar barreiras de seguridade para previr calquera posible ataque. Esta mañá, celebrouse unha xuntanza para ultima-lo dispositivo de seguridade para a edición deste ano da festa. 18 patrullas dos corpos de seguridade do estado participarán este ano no operativo.

O Grove únese ás localidades que, nos seus festexos, incorporan puntos morados de asesoramento ou atención ante posibles casos de abusos sexuais ou violencias machistas. A edición deste ano da Festa do Marisco contará, por vez primeira, con este servizo.

Polo de agora, aínda non está confirmado onde estará situado ou mesmo se se crearán dous espazos morados, un na zona de degustación e outro nos concertos. Esta mañá abordouse o tema no Concello meco, nunha xunta local de seguridade que serviu para aborda-lo dispositivo de cara ó evento que se vai celebrar entre o 4 e o 14 de outubro. O alcalde apuntou que este tipo de servizos serven para visibiliza-lo rexeitamento social á violencia machista.

Nesta quincuaxésimo quinta edición da Festa do Marisco colaborarán 18 patrullas dos corpos e forzas de seguridade do Estado. Este ano, ademais, volveranse instalar barreiras de formigón na contorna das carpas do marisco, como medida preventiva.

E todo para garanti-lo bo transcorrer dun evento que atrae ata a localidade a unhas 200.000 persoas cada ano. A Festa, por certo, iniciou xa a súa conta atrás. Esta fin de semana unha delegación meca visitou Sevilla para promociona-la cita gastronómica.