Cultura destina cincuenta mil euros a mellorar o Museo do Gravado de Ribeira

RIBEIRA> A Consellería de Cultura destinará cincuenta mil euros na mellora do museo de Artes do Gravado de Ribeira. Así o ratificou o Conselleiro coa sinatura dun convenio co alcalde ribeirense. O convenio subscrito esta fin de semana entre a Consellería de Cultura e o concello de Ribeira permitirá mellorar a climatización da sede do museo así como a creación dunha biblioteca infantil e xuvenil.  As actuacións a acometer, financiadas pola Xunta cunha subvención de cincuenta mil euros, permitirán o mantemento da temperatura e humidade nas instalacións co fin de mellorar a conservación dos fondos. En canto á nova biblioteca, contará con máis de dous mil volumes ilustrados que estarán a disposición do público infantil e xuvenil que visite o museo. Trala sinatura do convenio, o Conselleiro de Cultura participou na entrega do Premio Atlante que recaeu sobre a artista pobrense Aida López Fernández. O acto contou tamén coa asistencia de Javier Expósito, fundador do museo, e Ramiro Carregal, promotor e mecenas deste premio.