VILAGARCIA> O PP de Vilagarcía levará unha moción ao pleno para esixir ao goberno municipal que mellore a transparencia e a participación. Os populares denuncia que o equipo de Varela non responde aos escritos da oposición nin da veciñanza, e se o fai é fora de prazo. Tamén piden que se actualice a web do concello actualizando os salarios do goberno así como as diferentes actividades que realiza e os seus gastos.
O partido popular de Vilagarcía acusa ao goberno local de falta de transparencia e de non facilitar a participación cidadá e da oposición. A formación encabezada por Ana Granja xustifica as súas acusacións advertindo que o equipo de Varela non responde as solicitudes rexistradas e cando o fai, soe facelo fora de prazo.
Dende o PP consideran alarmante que o goberno local non responda a temas tan importantes como o problema da titularidade do campo da fonte de Faxilde, a actuación na Rúa Ameixeiras ou o cambio do nome do instituto de Carril.
Os populares tamén critican a xestión que o goberno local fai da páxina web. Denunciando que leva sen actualizarse dende hai anos, o que demostra, segundo os concelleiros, o deixamento e a desidia do equipo de Varela.
Tamén piden ao goberno local, aínda que non sexa obrigatorio, que informe da súa axenda e dos custos que supoñen as diferentes actividades que realizan.
Por todos estes motivos, o Partido Popular levará este xoves unha moción a pleno baixo o nome Implantación de medidas da mellora da transparencia municipal e da participación cidadá.