O BNG da Pobra insiste na mellora integral da Ribeiriña e do Conchido

POBRA> Os nacionalistas critican a falla de investimentos nesta zona, a pesar de que o goberno local recoñeceu a débeda histórica que o Concello ten con esta zona amplamente degradada. Un simple paseo pola Ribeiriña e o Conchido mostra as claras a situación de abandono e a falla de servizos que presenta a zona. Non hai beirarrúas. O firme da rúa está deteriorado ou ten fochancas. A maleza invade a calzada e as farolas existentes están rotas. Son só algúns exemplos. Para o BNG non é un problema novo. Xa o levan denunciando dende hai moitos anos ós diferentes gobernos municipais. A última vai para tres anos, cando o actual executivo de Nós Pobra se comprometeu en pleno a realizar unha mellora integral da zona. Por esta razón o BNG trasladaralle no próximo pleno ó executivo a posibilidade de investir parte dos máis de 720 mil euros correspondentes ó remanente de tesourería de 2017 a diversas actuacións nesta zona. Tamén solicitan que se acometa a limpeza e o acondicionamento da área de lecer existente nas inmediacións da antiga factoría de La Onza de Oro cuxo estado actual non é a máis idóneo totalmente invadida pola maleza.