A toxina obriga a pechar cautelarmente a campaña marisqueira en Noia

NOIA> Cumpríronse os peores presaxios. A toxina fixo acto de presenza obrigando ó peche cautelar da campaña marisqueira en Noia. O parón chega tan só unha semana despois do inicio da actividade. A campaña marisqueira en Noia arrancaba o pasado día dez de setembro con capturas abundantes e, sobre todo, altas cotizacións. Nunha semana de traballo a facturación acadou os dous millóns e medio de facturación. Con estes bos resultados, os mariscadores agardaban que a aparición de toxina se demorase o máximo posible. Sen embargo, esta semana o Intecmar decretou o peche cautelar das concesións ante os altos índices de toxina amnésica. Os preto de mil seiscentos mariscadores que faenan en Noia víronse obrigados a colgar os aparellos á espera de que remita a marea vermella. Dependerá dos factores climatolóxicos. Ademais das análises que realiza o Intecmar, a confraría toma mostras diariamente que se trasladan a un laboratorio privado para medir os índices de toxina. Agardan obter boas novas de cara á próxima semana aínda que de momento non queda máis que agardar.