O artigo de ‘The Guardian’ pon o foco internacional en Pontevedra

PONTEVEDRA> Pontevedra volve ser o foco das gabanzas a nivel mundial. A publicación do artigo sobre a cidade no xornal británico The Guardian non fixo máis que multiplicar o interese de medios de comunicación de todo o mundo pola capital pontevedresa. Este impacto tampouco pasa desapercibido entre a cidadanía: máis dun millón de lectores leron o artigo publicado no xornal inglés.

Que o xornal británico “The Guardian” describa Pontevedra como un “paraíso para vivir” non é algo menor. No concello, o artigo supuxo un verdadeiro efecto chamada.

Pero non só os medios de comunicación internacionais amosaron o seu interese por coñecer o modelo de cidade pontevedrés. Tamén a cidadanía: o artigo de The Guardian foi lido por máis dun millón de usuarios na súa web.

Segundo o alcalde, este artigo suporá un salto adiante na proxección exterior de Pontevedra. Algo que agardan xere novos retornos económicos.

Fernández Lores destacou principalmente que este artigo permite a Pontevedra entrar no mundo anglosaxón. Un mercado complicado pero influente, que se resistira ata o de agora aos encantos da Boa Vila.