Baión consolida a súa Mostra de Oficios e Tradicións como unha das máis multitudinarias de Galicia

VILANOVA> 25 oficios tradicionais daranse cita esta fin de semana en Vilanova de Arousa. Será na oitava edición da Mostra de Oficios e Tradicións que organiza a Asociación O Castro, de Baión. A programación inclúe representacións de actividades como a malla, ir ao toxo ou traballos no lavadoiro. Todo nun ambiente festivo, con distintas propostas musicias e procurando a implicación da rapazada e mocidade para que nunca nos esquezamos de onde vimos.

A parroquia vilanovesa de Baión prepárase para viaxar de novo ao pasado esta fin de semana. Ano a ano, a Mostra de Oficios, Tradicións e Xogos Populares vai gañando adeptos e tamén novos contidos. Este ano a cita chega á súa oitava edición, sumando novas exhibicións de traballos que están a piques de desaparecer. Dos 25 oficios que se van representar, cinco incorpóranse este ano.

As novas fichaxes poderanse ver xunto con zoqueiros, canteiros, cesteiros ou carpinteiros tanto este sábado como o domingo. Tamén durante toda a fin de semana, haberá distintas representacións de distintas tradicións e costumes.

Esencia galega ao 100% que foi caendo no esquecemento. Algo que queren evitar dende a asociación O Castro, que destacan a importancia da implicación da rapazada e mocidade. Os máis novos, explican, están especialmente implicados nos obradoiros.

A proposta complétase cunha exposición de ferramentas, xogos populares e unha andaina da Santa Compaña. Tamén, por suposto, moita música para amenizar esta viaxe ao pasado, con distintas actuacións nos dous días de festa.