A ANPA do Número 1 reclama que se aumente o servizo de limpeza no Centro

RIBEIRA> Novo envite da ANPA do IES Nº1 de Ribeira á consellería de Educación. Neste caso reclaman que se dote ó centro dun equipo de limpeza anticovid. De non facelo anuncian que non enviarán os seus fillos ás clases.

Dende a ANPA Caramacheiro do IES Número 1 están fartos dos incumprimentos e das demoras de Educación. Agora a loita dos pais garda relación coa falla dun equipo de limpeza anticovid no centro. Os pais remitíronlle un escrito á Consellería esixindo os recursos humanos necesarios para poder dar cumprimento ás instrucións que a propia Xunta marcou nesta materia. Uns mínimos que co persoal actual do que dispón o centro non se poderán garantir.

Para os pais a seguridade é un dos aspectos que deben primar, de aí que anuncien que non enviarán ós seus fillos ás clases mentres non se dote deste servizo, para eles esencial.

Dende a Xunta xa informaron de que o centro conta con tres persoas para a limpeza, unha media que está por riba do persoal que lle correspondería polo número de metros cadrados das súas instalacións. Con estas a pelota volve de novo ó tellado da comunidade educativa.