En marcha o reasfaltado da estrada das Sinas, con críticas ao anterior goberno provincial de Silva

VILANOVA> En Vilanova están en marcha os traballos de reasfaltado da estrada provincial das Sinas. Unha obra que se converteu no seu día nun dos cabalos de batalla entre o goberno local e a Deputación de Pontevedra que presidía Carmela Silva. Esta mañá destacaron que o investimento agora é maior do que tería sido hai oito anos porque daquela abondaba só cunha pequena reparación, fronte á intervención que agora se está acometendo.

A actuación afecta a un treito de pouco máis dun quilómetro desta estrada EP-9702, que une As Sinas con Vilanova. Unha intervención, urxente -din dende a Deputación e o Concello- que supón un investimento de 200.000 euros nun dos accesos á vila.

Esta estrada foi unha das que xerou fricións entre o goberno local e a anterior Deputación de Carmela Silva. O alcalde hoxe lamentaba o tempo perdido. Oito anos, dixo, no que esta estrada estivo en mal estado. Apunta ademais que o feito de non tela reparado daquela implica que agora o gasto sexa maior.

Na visita a estas obras estivo tamén a deputada de infraestrutura. Apunta que a posta a punto da rede viaria provincial será un dos obxectivos do mandato.

E avanzan tamén que nos vindeiros días haberá tamén novidades para a mellora da estrada de Baión.