VILANOVA> O Partido Socialista, En Marea e o BNG piden a dimisión do alcalde de Vilanova de Arousa. O PSOE mesmo convocou para o vindeiro mércores unha manifestación en Pontevedra contra o que consideran ‘machismo institucional’ de Gonzalo Durán. Reclaman tamén que o PP tome medidas contra el. Despois das súas polémicas declaracións o venres, hoxe, o rexedor vilanovés optou por gardar silencio.
O alcalde de Vilanova optou hoxe por non facer declaracións sobre a polémica desatada o pasado venres ó referirse nestes termos á presidenta da Deputación de Pontevedra.
Ese era o momento, recollido polas cámaras de Canal Rías Baixas, e que desatou unha sucesión de críticas contra o rexedor vilanovés. O PSdeG, En Marea e o BNG consideran inaceptables as palabras de Durán e reclaman a súa dimisión. Os socialistas, ademais, anunciaron a convocatoria dunha manifestación, o vindeiro mércores en Pontevedra, para amosa-la súa repulsa ó ‘machismo institucional’ que, segundo din, representa Gonzalo Durán.
A transcendencia do asunto superou as nosas fronteiras, converténdose nun asunto de debate a nivel español. Dende Gran Canaria, Adriana Lastra, a vicesecretaria xeral do PSOE, reclamou a dimisión de Durán polos seus ‘ataques misóxinos”.
A treboada política tamén tivo unha gran repercusión nos medios de comunicación do Estado. Nas últimas horas, as imaxes gravadas por Canal Rías Baixas, foron difundidas por medios como eldiario.es, Público ou laSexta, ademais de en varios medios galegos como La Voz ou Pontevedra Viva.
Dende o PPdeG recoñecen que as declaracións son desafortunadas, aínda que, segundo indican, polo de agora en ningún momento contemplan tomar medida algunha contra o alcalde de Vilanova.