Arranca en Vilagarcía Motor Okasión cunha oferta de 600 coches válidos para todos os petos

VILAGARCÍA> 600 coches compoñen este ano a oferta de Motor Okasión, en Vilagarcía. O Salon do vehículo usado e de ocasión celebra este ano a súa cuarta edición e faino con moi boas expectativas. Esta ineludible cita co motor abriu as súas portas esta mesma tarde en Fexdega.

De tódalas cores, para tódolos gustos e, o que é máis importante, para tódolos petos. A cuarta edición do Salón Motor Okasión abriu esta tarde as súas portas en Fexdega cunha ampla e variada oferta de vehículos. Aquel que estea buscando coche de segunda man atopará nesta feira 600 opcións. O evento foi evolucionando ata converterse nunha cita esencial, pensada para un público moi variado.

Esa xoia da coroa é este Porsche GT3. Custa 120.000 euros, polo que moitos terán que conformarse con sacar unha foto con el e pouco máis. Pero para aqueles que non se poidan permitir este coche, o certo é que hai outras moitas opcións, algunhas delas moi apetecibles, tanto polo estado dos vehículos como polos prezos. No evento participarán este ano 19 empresas do sector, atraídas polos bos resultados que nos últimos tres anos deu o evento.

Bos prezos, grandes descontos e facilidades no financiamento que se traducen nun bo volume de vendas. Ademais de tódolos tratos ós que se poida chegar aquí, hai que ter en conta un factor moi importante: as vendas que, a raíz deste evento, se pecharán ó longo da vindeira semana.

O Motor Okasión inaugurouse esta tarde. Permacerá aberto, aquí en Fexdega, ata o vindeiro domingo. A entrada ó recinto custa tres euros, agás para os menores de 16 anos, que poderán entrar de balde.